sábado, 1 de febrero de 2020

ROLIÑOS DE CABAZA



    Supoño que nunca é tarde para retomar vellos hábitos, aqueles que me levaban a redactar unha receita que parecía saír ben a pesares da ausencia de ese omnipresente ingrediente:  o ovo.




    Deixei pasar moito tempo:  ás veces non apetece redactar, o tempo é limitado e hai que repartilo, xa non te atrae a actividade, non apetece publicar,...que sei eu!  Por outra banda, as miñas receitas non traen nada novo; só son unha adaptación doutras que xa están inventadas, unha adaptación que queda aquí escrita porque sei que nalgún momento alguén  a precisará e pode que se dea un paseo por estas páxinas...Ou simplemente pareza apetecible e decidas probala...Que sei eu! (outra vez).



    Os boliños de hoxe teñen unha tonalidade ben amarela, pero non, non cociñei empregando ovos:  ás veces un pouco de cabaza fai crer o contrario:  non é ovo todo o amarelo que reluce!


  • 500 g de fariña de forza
  • 60 ml de auga tépeda
  • 20 g de fermento fresco de panadería ou seco.
  • 125 ml de leite
  • 190 g de puré de cabaza
  • 60 g de manteiga 
  • 70 g de azucre
  • 1 culleradiña de sal
  • 1/2 culleradiña de noz moscada
    Para o recheo:

  • Marmelo
  • Nutella
    Para vernizar:

  • Leite
  • Azucre en po (opcional)
    
    Temos que ser previsores e ter preparadas dúas cousas:  a manteiga, que debe sacarse da neveira con antelación para que estea branda no momento de amasar, e a cabaza, que xa debe estar cocida.  Eu teño sempre cabaza cocida no conxelador:  cando as recollemos no outono xa as cozo e conxelo en racións para distintas preparacións.



    Para amasar conto coa axuda da panificadora.  Alí poño os ingredientes na seguinte orde:  a auga tépeda co sal, o azucre, a manteiga e a noz moscada.  Engado o puré de cabaza e o leite.  Incorporo un terzo da fariña e o fermento, tanto se é fresco como se está en po de panadería.  Empezamos o amasado e imos engadindo o resto da fariña pouco a pouco.  As veces precisamos un chisco máis de fariña sendo o importante que a masa se despegue do recipiente e que quede branda, pero traballable.





    Deixamos que a masa dobre o seu volume e estendémola no mesado formando un cadrado.  Poñemos agora o recheo:  a nós gústamos o marmelo ou a nutella, dependendo dos distintos gustos.  Envolvemos a masa formando un rolo e cortamos en porcións que colocaremos nunha bandexa de enfornar cuberta de papel vexetal.  Deixamos que volvan dobrar o volume e vernizamos con leite.




    Enfornamos a en forno quente a 180º durante 20 minutos.  Retiramos e deixamos arrefriar.  Podemos polvoriñar con azucre en po ou deixalos sen el:  co marmelo ou a nutella temos suficiente dozura.