Supoño que nunca é tarde para retomar vellos hábitos, aqueles que me levaban a redactar unha receita que parecía saír ben a pesares da ausencia de ese omnipresente ingrediente: o ovo.
Deixei pasar moito tempo: ás veces non apetece redactar, o tempo é limitado e hai que repartilo, xa non te atrae a actividade, non apetece publicar,...que sei eu! Por outra banda, as miñas receitas non traen nada novo; só son unha adaptación doutras que xa están inventadas, unha adaptación que queda aquí escrita porque sei que nalgún momento alguén a precisará e pode que se dea un paseo por estas páxinas...Ou simplemente pareza apetecible e decidas probala...Que sei eu! (outra vez).
Os boliños de hoxe teñen unha tonalidade ben amarela, pero non, non cociñei empregando ovos: ás veces un pouco de cabaza fai crer o contrario: non é ovo todo o amarelo que reluce!
- 500 g de fariña de forza
- 60 ml de auga tépeda
- 20 g de fermento fresco de panadería ou seco.
- 125 ml de leite
- 190 g de puré de cabaza
- 60 g de manteiga
- 70 g de azucre
- 1 culleradiña de sal
- 1/2 culleradiña de noz moscada
Para o recheo:
- Marmelo
- Nutella
Para vernizar:
- Leite
- Azucre en po (opcional)
Temos que ser previsores e ter preparadas dúas cousas: a manteiga, que debe sacarse da neveira con antelación para que estea branda no momento de amasar, e a cabaza, que xa debe estar cocida. Eu teño sempre cabaza cocida no conxelador: cando as recollemos no outono xa as cozo e conxelo en racións para distintas preparacións.
Para amasar conto coa axuda da panificadora. Alí poño os ingredientes na seguinte orde: a auga tépeda co sal, o azucre, a manteiga e a noz moscada. Engado o puré de cabaza e o leite. Incorporo un terzo da fariña e o fermento, tanto se é fresco como se está en po de panadería. Empezamos o amasado e imos engadindo o resto da fariña pouco a pouco. As veces precisamos un chisco máis de fariña sendo o importante que a masa se despegue do recipiente e que quede branda, pero traballable.
Deixamos que a masa dobre o seu volume e estendémola no mesado formando un cadrado. Poñemos agora o recheo: a nós gústamos o marmelo ou a nutella, dependendo dos distintos gustos. Envolvemos a masa formando un rolo e cortamos en porcións que colocaremos nunha bandexa de enfornar cuberta de papel vexetal. Deixamos que volvan dobrar o volume e vernizamos con leite.
Enfornamos a en forno quente a 180º durante 20 minutos. Retiramos e deixamos arrefriar. Podemos polvoriñar con azucre en po ou deixalos sen el: co marmelo ou a nutella temos suficiente dozura.