jueves, 19 de marzo de 2020

GALLETAS CON ARANDOS E CHOCOLATE BRANCO


     Nestes tempos de coronavirus e illamento sempre nos quedan a cociña e internet (entre outras moitas cousas):  unha boa combinación de actividades tradicionais coa modernidade da tecnoloxía.  Temos un pouquiño máis de tempo, pero non moito, e sempre convén ter a mente distraída e ocupada (quizais así pase o tempo máis rápido).

    Botando a vista atrás uns meses, a milla filla maior pedíame que experimentara con galletas de chocolate branco e arandos.  E así comezou a miña peregrinación de supermercado en supermercado e de tenda en tenda; xa sabedes que a miña filla máis nova (non pequena) é alérxica ao ovo e dende hai uns anos sumamos tamén o cacahuete.  Contareivos que non logrei atopar arandos que non etiquetaran:  "Puede contener trazas de cacahuete".  Creo que só quedaría a opción de compralos frescos e desecalos despois, pero iso quedará para unha investigación posterior.  Iso si, recordar unha vez máis a importancia de ler as etiquetas e sobre todo de ter unha boa vista porque as letras son cada vez máis pequenas.

    Agora imos coa receita.  Precisamos:

  • 240 g de fariña
  • 1 culleradiña de bicarbonato sódico
  • 1 culleradiña de fermento de repostería ou químico
  • 1 culleradiña de sal
  • 140 g de manteiga
  • 100 g de azucre moreno
  • 80 g de azucre branco
  • 1 culleradiña de vainilla
  • 50 g de pebidas de chocolate branco
  • 100 g de arandos secos


    Coma sempre o primeiro e sacar a manteiga da neveira con tempo para que abrande a temperatura ambiente.  Cando non me acordo ou a necesito no momento, póñoa nun prato nunha fiestra soleada, pero xa sabedes que en Galicia... por iso é mellor ir con tempo e previsión.
    O seguinte é bater a manteiga coas dúas clases de azucre para engadir despois a vainilla, o fermento, o bicarbonato e o sal.  Sen deixa de bater incorporamos a fariña aos poucos, non de golpe.
    Finalmente, é o momento de engadir os arandos e as pebidas de chocolate branco.  Formamos unha bóla que deixamos repousar na neveira varias horas.  Eu adoito facer a masa pola noite e cociñar as galletas pola mañá; así tamén teremos un almorzo saboroso...




    Chegou o momento de formar galletas.  Non precisamos moldes nin cortapasas, soamente temos que facer bólas que colocaremos separadas na bandexa do forno cuberta de papel vexetal.  Segundo o tamaño das bólas así serán as galletas despois.


    Metémolas no forno xa quente a 180º e observaremos como van collendo forma.  O tempo de forno será duns 12 minutos.  Cando as saquemos teremos a impresión de que están brandas e sen cocer.  Non vos deixedes enganar.  Deixádeas uns minutos na bandexa e despois pasádeas a unha rella.  Veredes que se poñen duras, o que sucede cando a manteiga arrefría.


    Só me queda desexarvos un bo almorzo e esta sexa unha máis das actividades que nos manteñan ocupados neste período.