Nestes tempos de coronavirus e illamento sempre nos quedan a cociña e internet (entre outras moitas cousas): unha boa combinación de actividades tradicionais coa modernidade da tecnoloxía. Temos un pouquiño máis de tempo, pero non moito, e sempre convén ter a mente distraída e ocupada (quizais así pase o tempo máis rápido).
Botando a vista atrás uns meses, a milla filla maior pedíame que experimentara con galletas de chocolate branco e arandos. E así comezou a miña peregrinación de supermercado en supermercado e de tenda en tenda; xa sabedes que a miña filla máis nova (non pequena) é alérxica ao ovo e dende hai uns anos sumamos tamén o cacahuete. Contareivos que non logrei atopar arandos que non etiquetaran: "Puede contener trazas de cacahuete". Creo que só quedaría a opción de compralos frescos e desecalos despois, pero iso quedará para unha investigación posterior. Iso si, recordar unha vez máis a importancia de ler as etiquetas e sobre todo de ter unha boa vista porque as letras son cada vez máis pequenas.
Agora imos coa receita. Precisamos:
- 240 g de fariña
- 1 culleradiña de bicarbonato sódico
- 1 culleradiña de fermento de repostería ou químico
- 1 culleradiña de sal
- 140 g de manteiga
- 100 g de azucre moreno
- 80 g de azucre branco
- 1 culleradiña de vainilla
- 50 g de pebidas de chocolate branco
- 100 g de arandos secos
Coma sempre o primeiro e sacar a manteiga da neveira con tempo para que abrande a temperatura ambiente. Cando non me acordo ou a necesito no momento, póñoa nun prato nunha fiestra soleada, pero xa sabedes que en Galicia... por iso é mellor ir con tempo e previsión.
O seguinte é bater a manteiga coas dúas clases de azucre para engadir despois a vainilla, o fermento, o bicarbonato e o sal. Sen deixa de bater incorporamos a fariña aos poucos, non de golpe.
Finalmente, é o momento de engadir os arandos e as pebidas de chocolate branco. Formamos unha bóla que deixamos repousar na neveira varias horas. Eu adoito facer a masa pola noite e cociñar as galletas pola mañá; así tamén teremos un almorzo saboroso...
Chegou o momento de formar galletas. Non precisamos moldes nin cortapasas, soamente temos que facer bólas que colocaremos separadas na bandexa do forno cuberta de papel vexetal. Segundo o tamaño das bólas así serán as galletas despois.
Metémolas no forno xa quente a 180º e observaremos como van collendo forma. O tempo de forno será duns 12 minutos. Cando as saquemos teremos a impresión de que están brandas e sen cocer. Non vos deixedes enganar. Deixádeas uns minutos na bandexa e despois pasádeas a unha rella. Veredes que se poñen duras, o que sucede cando a manteiga arrefría.
Só me queda desexarvos un bo almorzo e esta sexa unha máis das actividades que nos manteñan ocupados neste período.
No hay comentarios:
Publicar un comentario